Cando empezou a tempada o Peixegalego non pensaba que sería un dos protagonistas na liga LEB Prata, pero co paso das xornadas o cadro adestrado por Javi Llorente foi confirmándose como a auténtica revelación da competición.
Tanto é así que, na que é a mellor tempada que se lembra en Marín, están a un partido de facer historia clasificándose para a Copa LEB Prata, unha competición que disputan o primeiro e segundo clasificado da primeira volta.
O Peixegalego é o equipo máis en forma da competición, con sete triunfos consecutivos que lle levaron á segunda praza provisional, cunha vitoria de vantaxe sobre o Lucentum, polo que se gañan o vindeiro sábado 2 de xaneiro (20:00 horas) a domicilio ao Clínicas Rincón malagueño converteranse no primeiro club galego que disputa a copa no actual formato de LEB Prata, onde espera El Bulevar de Ávila.
Os de Javi Llorente céntranse xa neste reto mentres quitan presión ante un probable play-off de ascenso a LEB Ouro, unha categoría que dá vertixe no club polo seu elevado nivel competitivo.
Sinal da boa campaña que están a realizar os de Marín é a situación de varios dos seus xogadores nos ránkings individuais, destacando Rogers como terceiro máximo anotador (17,17 puntos por partido), e Antonio Pantín e Javonte Green, que se manteñen no Top-10 de xogadores máis valorados da competición.