O piragüismo galego despide o europeo de maratón con outra remesa de medallas

Pontevedra
17 de xullo 2023

O C2 de Tono Campos e Diego Romero conseguiu a medalla de prata, mentres que o bronce colgáronllo Tania Fernández e Tania Álvarez no K2, así como Fernando busto e Diego Miguéns no C2.

Tania Fernández e Tania Álvarez no Europeo de Maratón de Croacia
Tania Fernández e Tania Álvarez no Europeo de Maratón de Croacia / Fega

O piragüismo galego pechou este domingo en Croacia o campionato de Europa de maratón cunha nova remesa de medallas. Tono Campos e Diego Romero colgáronse a prata no C2, mentres que Tania Álvarez e Tania Fernández, así como Fernando Busto e Diego Miguéns conseguiron o bronce no K2 e C2 respectivamente.

O dominio galego na regata do C2 masculino foi constante. Durante os 22,6 quilómetros de percorrido os barcos galegos controlaron a proba ata que, na última volta, a embarcación polaca protagonizou unha impresionante remontada para facerse co ouro adiantando a Campos e Romero no porteo definitivo.

Na categoría de K2 senior feminina, as actuais campioas do mundo Tania Fernández e Tania Álvarez acabaron nun destacado terceiro posto tras unha emocionante regata de 26.2 quilómetros, na que dúas embarcacións húngaras asinaron un dobrete.

Con estas tres medallas, os representantes galegos pechan a súa participación no campionato de Europa de Maratón cun balance moi positivo: 13 medallas, catro de ouro, catro de prata e cinco de bronce.