Fin á tempada no piragüismo nacional. A xunta directiva da Federación Española de Piragüismo tomou a decisión de suspender todas as súas competicións previstas para 2020.
Esta decisión, que foi tomada por unanimidade, responde segundo o ente federativo á "responsabilidade" que teñen as autoridades #ante a actual situación sanitaria.
En concreto, a federación anula as dezaseis citas que tiña programadas entre os meses de agosto e outubro.
Entre as competicións suspendidas, hai tres que ían celebrarse no Pontillón do Castro, no complexo deportivo David Cal de Verducido.
A máis inminente delas, prevista para os días 22 e 23 de agosto era a Copa de España junior de Sprint Olímpico.
As outras dúas probas canceladas son o Campionato de España cadete, que tiña reservado o complexo de Verducido os días 12 e 13 de setembro; e o Campionato de España de Sprint Olímpico, que estaba no calendario para o 2, 3 e 4 de outubro.