A área técnica da Real Federación Española de Balonmán segue poñendo os seus ollos na canteira do Club Cisne Balonmán.
Nesta ocasión tocoulle a quenda ao pivote Manu Lorenzo, de só 17 anos e que aos poucos vai gañando protagonismo na rotación do primeiro equipo.
Lorenzo acaba de ser convocado pola Selección Española Xuvenil para disputar o Torneo Scandibérico que terá lugar a principios de novembro na localidade portuguesa de Guarda, e no que ademais de España competirán as seleccións de Portugal, Noruega e Suecia.
Ademais do xogador do Cisne na primeira lista oficial de Rodrigo Reñones á fronte dos Hispanos Xuvenís aparece tamén David Failde, porteiro do BM Lalín.
Os xogadores están chamados a concentrarse o vindeiro luns 30 de outubro en Madrid, estando previsto o debut no Torneo Scandibérico o xoves 2 de novembro fronte a Noruega. España medirase un día despois, o 3 de novembro, a Suecia e o sábado 4 á anfitrioa Portugal.