O Poio Pescamar fai escala en Móstoles na súa persecución ao líder e A Raña acolle un derbi entre Marín e Ourense

Marín
10 de febreiro 2023

As vermellas deben vencer ao equipo madrileño para manter a distancia co primeiro clasificado en dous puntos, mentres que as morracenses queren prolongar a súa serie para acomodarse na zona media da táboa  

Partido entre Marín Futsal e Sala Zaragoza na Raña
Partido entre Marín Futsal e Sala Zaragoza na Raña

Coa moral polas nubes despois de infrinxir a primeira derrota ao imbatido líder Atlético Navalcernero, o Poio Pescamar afronta unha nova xornada de liga disposto a manter o pulso co cadro madrileño por primeiro posto da liga, do que só lle separan dous puntos.

As vermellas viaxan esta fin de semana a Madrid co obxectivo de sumar outros tres puntos nunha xornada na que, a priori, nin Navalcarnero nin Burela deberían fallar.

As de Luís López Tulla mídense ao Móstoles, que marcha en novena posición cun cómodo colchón de puntos sobre o descenso e xa moi descolgado da pelexa por meterse entre os catro primeiros clasificados que disputarán a final de tempada o playoff polo título de liga.

O balón botará a rodar na cancha mostoleña ás 18.30 horas.

Hora e media antes farao no pavillón da Raña, no que se enfrontarán nun derbi galego Marín Futsal e Ourense Envialia.

A vitoria da semana pasada das morracenses supuxo todo unha bocanada de aire para un equipo que comezaba a asomarse á zona de perigo. Agora buscarán un segundo triunfo consecutivo que afaste por completo o medo a un posible descenso e sitúe ás da Raña nunha zona tranquila como na que se atopan os seus rivais.