Houbo que esperar os últimos dez minutos do partido para respirar tranquilos na Seca. O Poio Pescamar acumulou chegadas e ocasións claras para superar a portería de Roldán, pero non puido celebrar un gol ata o tramo final dun encontro que se encamiñaba cara a un inxusto empate sen goles.
Nada máis comezar o partido, os dous equipos protagonizaron aproximacións ás porterías rivais, pero foron as vermellas as que buscaron o gol con máis insistencia ao longo da primeira metade. Tentárono Laura Uña, Marta e Luci, aínda que as visitantes tamén tiveron algunha que outra opción de adiantarse no marcador.
Luís López Tulla tivo que pedir un tempo morto para axustar as súas pezas. E a charla serviu para reactivar a produción ofensiva local, que seguía batendo na portería rival por medio de Dani Sousa ou Laura Uña. E ao bordo do descanso, a porteira do conxunto murciano, Almudena, interrompeu unha dobre ocasión conserveira que levaba o nome de Anna y Sousa.
Tras o paso polos vestiarios foi a quenda de Roldán, que obrigou a intervir Sandra Buzón tras dous remates de Toñi e Noelia Montoro.
Luci respondeu con dous remates, un dos cales chocou contra o longueiro de Roldán e serviu de preludio á avalancha ofensiva que preparara o Poio Pescamar, que non estaba disposto a deixar escapar os seus puntos de casa.
Á media hora de xogo, unha volea de Dani Sousa puxo fin á resistencia murciana. E sen tempo para reaccionar, Sandra Buzón aproveitou o xogo de Roldán sen porteira para apuntillar ás rivais desde a súa propia portería. Antes puido sentenciar Laura Uña, pero o seu disparo estrelouse no poste.
Tres merecidos puntos que manteñen vivo o soño do Poio Pescamar de chegar á final a catro polo título e xogar o primeiro posto da liga regular ante o Burela e o Futsi Atlético Navalcarnero.