Terceira vitoria consecutiva para o Poio Pescamar na súa visita este domingo ao Bilbo FS. As pontevedresas mostráronse moi loitadoras e realizaron unha presión moi alta durante os primeiros minutos grazas á cal chegaron os goles.
O primeiro gol marcouno Andrea Feijoo, quen nun ataque prosicional superou á porteira do Bilbo no minuto 2 de encontro. Un minuto despois, Clara volvía mandar o balón ao fondo da portería a pase de Feijoo. Pouco despois, chegou a quenda de Irene que se encargou de culminar un balón que chegou ao segundo pau despois dunha contra e poñía o 0-3 no encontro.
Aos 4 minutos, o Bilbo tentou meterse en partido grazas a un gol de Isa ao segundo pau, que cobrou dobre protagonismo xa que, a seis minutos do descanso, volveu bater a portería de Caridad despois dun roubo en primeira liña. Co 2-3 no marcador, o Poio conseguiu aproveitar unha contra a escasos minutos de chegar ao descanso. Foi Andrea Feijoo a que marcou o cuarto gol para as visitantes.
Despois do descanso, Mirian entrou ao segundo pau e de novo, despois dunha contra en superioridade, mandou o balón á rede e subiu o 2-5 ao luminoso. Antes de chegar ao ecuador da segunda metade, Iria culminou a goleada despois de rematar a saída dunha falta.
A escasos oito minutos para que concluíse o encontro, as vascas optaron polo xogo de cinco, grazas ao cal conseguiron recortar distancias no tramo final con dous goles que de nada serviron xa que as de Pontevedra souberon aguantar para sumar unha nova vitoria.
BILBO (4): Raquel, Diana, Jess, Andrea e Pitxi (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ixone, Esti, Elena e Isa.
POIO PESCAMAR (6): Caridad; Andrea Feijoo, Clara, Irene e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carol, Mirian, Anna Escribano, Ana Rivera e Iria Saeta.
Goles: 0-1, min. 2 Andrea Feijoo. 0-2, min. 3 Clara. 0-3, min. 5 Irene. 1-3, min. 9 Isa. 2-3, min. 14 Isa. 2-4, min. 17 Andrea Feijoo. 2-5, min. 23 Mirian. 2-6, min. 27 Iria. 3-6, min. 37 Pitxi. 4-6, min. 38 Andrea.
Indicencias: Polideportivo San Ignacio. Preto de 170 espectadores.