O Poio Pescamar xogarase o pase a cuartos de final da Copa o domingo de Carnaval

Pontevedra
25 de xaneiro 2022

A  eliminatoria de oitavos de final, prevista para o 9 de xaneiro e aprazada por un brote de covid-19 no equipo zaragozano, disputarase o 27 de febreiro ás 12 horas na capital maña

Partido entre Poio Pescamar e Sala Zaragoza na Seca Cristina Saiz

Poio Pescamar e Sala Zaragoza chegaron xa a un acordo para a disputa da eliminatoria de oitavos de final da Copa da Raíña que tivo que ser aprazada por un brote de covid-19 no cadro aragonés. O partido queda fixado agora para o domingo 27 de febreiro a partir das 12 horas na capital maña.

As vermellas debían enfrontarse ao cadro maño o domingo 9 de xaneiro, pero o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol aceptou a solicitude de aprazamento presentada polas aragonesas.

Esa petición cursouse tras detectarse cinco positivos por coronavirus na rolda de test realizada ao plantel e corpo técnico no regreso aos adestramentos posterior ao Nadal. O Poio Pescamar pola súa banda superara o trámite sen detectar contagios.

Cabe destacar que só unha semana despois da data inicial, ambos os equipos víronse as caras en liga nun partido que se saldou con goleada para as rojillas no pavillón da Seca.

Doutra banda, as de Manu Cossío xa teñen data e hora para o próximo partido de liga, será o domingo ás 12 horas no Pavillón da Seca. Unha hora pouco habitual pero que aceptaron as conserveiras para facilitar o desprazamento do rival, o Móstoles.