O Pontevedra, a 160.000 euros de Segunda B tras o descenso administrativo do Ourense

Pontevedra
30 de xuño 2014

O regulamento sitúa ao club granate como primeiro equipo en optar á praza do Club Deportivo Ourense, descendido administrativamente tras non poder facer fronte á débeda contraída co equipo. O Consello de Administración deste martes, clave na decisión do Pontevedra

Os xogadores do Pontevedra celebran o gol de Fran Fandiño fronte ao Dorneda
Os xogadores do Pontevedra celebran o gol de Fran Fandiño fronte ao Dorneda / Diego Torrado

O descenso administrativo a Terceira División do Club Deportivo Ourense abre unha seria posibilidade de ascenso nos despachos para o Pontevedra Club de Fútbol, equipo que por méritos deportivos será o primeiro ao que ofrezan esta vacante.

Por unha parte, o Ourense perde a categoría ao non ter sido capaz de afrontar a débeda contraída co plantel antes das 12:00 horas deste luns, prazo fixado pola comisión mixta formada pola AFE e a Federación Española de Fútbol.

A cantidade a pagar situaríase en torno aos 160.000 euros

O regulamento nestes casos é claro e situaría aos granates a un paso de Segunda B, posto que en primeira instancia a praza corresponde ao equipo galego con mellor dereito deportivo, sumando os puntos conseguidos na fase regular e os partidos de play-off de ascenso, onde o Pontevedra caeu na última eliminatoria ante o Puertollano mentres Cerceda e Boiro o fixeron no primeiro cruzamento.

En caso de que ningún deles cumpra os requisitos os dereitos pasarían aos equipos da mesma demarcación territorial que descendesen de Segunda B, é dicir, o filial do Celta de Vigo, e por último ao resto de equipos da Terceira Galega por orde de clasificación e aos demais descendidos de Segunda B.

Para facer efectivo o ascenso o club lerezano debería aboar unha cantidade que se corresponde á media da débeda que fixo descender a Ourense, Noja e Laudio, unha cifra que a falta de confirmación por parte da Federación Española se situaría en torno aos 160.000 euros.

José Manuel Fernández: "Mi obligación es estudiar todas las opciones y plantearlas al Consejo"

Se o Pontevedra reúne esa cantidade obtería a praza en Segunda B, pero dende o club polo momento prefiren non se posicionar oficialmente ata a reunión que o Consello de Administración manterá durante a tarde do martes, aínda que algúns dos seus membros xa comezaron a traballar nesta posibilidade.

Así o recoñeceu o presidente do Pontevedra, José Manuel Fernández, ao asegurar que "mi obligación es estudiar todas las opciones y plantearlas al Consejo". 

Esta reunión antóllase clave no futuro do equipo granate, que aínda tería a opción de pelexar por unha praza na categoría de bronce, esta sen custo ningún, se finalmente o Puertollano renuncia ao ascenso, unha circunstancia que ata o momento nega o club manchego.