O Pontevedra CF deu un paso máis no seu obxectivo de pechar canto antes o seu plantel para a próxima tempada. O club informou do acordo que alcanzou co centrocampista Diego Álvarez, coñecido futbolísticamente como 'Prosi', para que se incorpore á disciplina granate.
O xogador de 29 anos, que chega procedente do Burgos CF, asinou por unha tempada.
Na pasada tempada, Diego Álvarez xogou quince partidos coa camiseta do Burgos, equipo que militou no grupo I da Segunda B, igual que o Pontevedra.
Marcou seis goles, entre eles dous a equipos galegos, o Rácing de Ferrol e o Somozas.
Antes de militar no club burgalés, Prosi vestiu a camiseta, entre outros, do Montañeros, o Oviedo, o Caudal Deportivo e o Guadalajara.
Segundo as previsións que fixo o club, ao plantel do primeiro equipo tan só lle faltaría un dianteiro para darse por pechada.
PARTIDOS DE PRETEMPORADA
Xunto con esta fichaxe, o Pontevedra desvelou o calendario completo dos partidos de pretempada, que arrancarán xa o próximo 25 de xullo en Pasarón contra o Deportivo de la Coruña, nunha nova edición do trofeo Luís Otero.
Os granates disputarán o 29 de xullo en Moraña un triangular xunto ao Coruxo e ao Arosa, mentres que o 2 de agosto recibirán en Pasarón ao Sporting de Gijón, no trofeo Cidade de Pontevedra.
As seguintes citas fóra de casa serán contra o Porriño en Cambados (5 de agosto), contra o Estradense (6 de agosto), contra o Céltiga (9 de agosto), contra a UD Ourense en Celanova (12 de agosto) e contra o Marcón (13 de agosto).