O Pontevedra Club de Fútbol está a atravesar nas últimas semanas unha pequena crise de resultados, pero mantense aínda na cuarta posición da táboa e convencido de aguantar na loita polo play-off.
Os granates viron como Pasarón perdeu o seu halo de fortaleza con dúas derrotas consecutivas na casa, ante rivais da zona alta como Real Racing e Celta B, pero agárranse á súa melloría de rendemento a domicilio para recuperar a confianza, nun momento no que o equipo debe afrontar dous desprazamentos de maneira consecutiva, ante Izarra e Racing de Ferrol.
Os de Luisito non perden lonxe do seu estadio desde que o fixesen no campo do líder, a Cultural Leonesa, o pasado 13 de novembro. Desde entón, unha vitoria e tres empates permitiron mellorar as prestacións como visitante, en base sobre todo aos tres partidos consecutivos fóra nos que deixou a súa portería a cero.
Con todo no Pontevedra son concientes de que necesitan dar un paso máis gañando en Navarra, para o que será necesario deixar atrás a preocupante seca goleadora das últimas xornadas.
Non será en todo caso o partido ante o Izarra o desprazamento máis sinxelo da tempada. Non en balde o conxunto adestrado por Borja Jiménez só perdeu un partido esta tempada en Merkatondoa, ante o Caudal (0-1), nun choque no que xogaron máis de media hora en inferioridade e encaixaron o único tanto nos últimos minutos. O seu balance como locais complétase con catro triunfos e sete empates.
A parte positiva para Luisito é que recuperará con seguridade a Kevin Presa tras a súa sanción e previsiblemente a David Añón, que ten previsto volver aos adestramentos este mércores tras estar de baixa por pneumonía, aínda que perderá por sanción a Portela. Coa baixa do central por sanción e as de Barco e Iker Alegre por lesión se non se producen contratempos o técnico dispoñerá de 18 futbolistas xustos do primeiro plantel para completar a convocatoria.
Pola súa banda o Izarra tamén contará cunha baixa por acumulación de amoestacións, a do centrocampista Cabrera.