O Pontevedra con menos gol desde a 04/05 en Segunda División

Pontevedra
27 de abril 2021

A pesar de contar nas súas filas cunha dianteira que asinase calquera club da Segunda B ou mesmo de categoría superior, un dos grandes males do conxunto granate esta tempada está a ser os seus problemas para marcar. Na segunda fase da liga alcande de media menos dun gol por encontro

Rufo e Charles laméntanse dunha ocasión fallada no partido entre Pontevedra e Compostela
Rufo e Charles laméntanse dunha ocasión fallada no partido entre Pontevedra e Compostela / Cristina Saiz

Practicamente a totalidade dos equipos da Segunda División B e mesmo de categoría superior terían asinado contar nas súas filas cunha dupla ofensiva como a que compoñen Rufo, pichichi a pasada campaña no fútbol de bronce, e un Charles cunha dilatada experiencia goleadora en Primeira e Segunda División. Con todo, de maneira incrible, na falta de gol radica un dos maiores males do Pontevedra Club de Fútbol esta campaña.

Desde o inicio da segunda fase, catro xornadas, os granates só lograron anotar tres tantos, dous na vitoria fronte ao Covadonga e outro máis no empate fronte ao Sporting B en Mareo, este de penalti. En definitiva, menos dun gol de media por encontro, con dúas xornadas xa de maneira consecutiva sen ver porta a pesar de gozar dalgunha ocasión clara.

Esta situación segue penalizando a un equipo que non logra abrir oco coa zona de descenso á Segunda RFEF, a só dous puntos, e abonado a sufrir ata o final da tempada.

A nivel individual os dous arietes estrela dos de Pasarón acumulan cinco dianas cada un, seguíndolles con dous Álex González, Damià e Imanol.

Mirado coa perspectiva dos anos a dificultade para ver porta é aínda peor. Nos 22 partidos de liga disputados ata a data o Pontevedra conseguiu anotar precisamente 22 goles, xusto 1 por encontro, dos que cinco se lograron desde o punto de penalti e un máis en propia meta. Unha produción moi por baixo do esperado e que é a peor das últimas 16 tempadas, quedando ata en 10 ocasións sen ver porta.

De feito o conxunto pontevedrés non tiña números similares a estas alturas de competición desde a súa última participación na Segunda División, o curso 2004/2005 no que ocupaban a penúltima posición con só 18 goles anotados. Nin sequera no ano do descenso a Terceira, a 2010/2011, supera eses números, xa que aquela ocasión o Pontevedra anotara 24 goles na xornada 22 de liga.

Pola contra os mellores números déronse nas campañas 05/06 (40 goles) e 06/07 (41 goles). En canto á historia máis recente, a pasada tempada os granates marchaban na novena posición con 29 tantos a favor. De feito tras o último ascenso a Segunda B na xornada 22 o Pontevedra conseguira 27 goles na 15/16, 33 na 16/17, 25 na 17/18 e 26 na 18/19.

Esta falta de puntería leva penalizando o equipo de Luisito practicamente desde a chegada do técnico, salvo as excepcións dos triunfos conseguidos fronte ao Salamanca e o Guijuelo. Por diante catro quedan só catro xornadas para tentar poñerlle remedio e asegurar, como mal menor, a súa presenza o próximo curso na Segunda RFEF.