O Pontevedra espera un partido de "mucha presión" en Segovia

Pontevedra
28 de abril 2018

Os granates queren dar un paso de xigante á permanencia este domingo (18:00 horas) no campo da Gimnástica Segoviana, rival directo e que quedaría ferido de morte no caso de perder. Os de Luismi, convencidos de puntuar tras as súas últimas dúas vitorias a domicilio

Adrián León, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Confiado en poder dar un paso de xigante cara á permanencia na Segunda División B. Así acode o Pontevedra Club de Fútbol ao campo dun rival directo, a Gimnástica Segoviana (domingo, 18:00 horas), nun duelo a vida ou morte para os locais.

O cadro granate, fóra da zona de descenso, conta con cinco puntos de vantaxe sobre o seu contrincante, ao que afastaría irremediablemente en caso de vitoria. Eses tres puntos colocarían ademais aos de Luismi a un paso de certificar o obxectivo.

Non será con todo un reto sinxelo, tendo en conta que "imagino un partido de mucha presión, muchos nervios y tenso", recoñece Luismi ante a idea dun estadio de La Albuera cheo, tendo en conta que o club castelán sacou unha promoción de entradas para as dúas xornadas que deben afrontar en casa por 5 euros.

Trátase dunha situación que "yo creo que al futbolista le tiene que motivar", entende o técnico granate, convencido de que o seu equipo dará o talle crecido polos seus dous últimos triunfos fóra da casa.

"Sobre todo en los primeros minutos hay que tener cuidado", avisa Luismi, que conta coa importante baixa por sanción de Álex González por sanción e de Darío Flores por lesión. Si se recuperaron Adrián León e Jimmy, que regresan a unha convocatoria da que tamén queda fóra o porteiro Anxo, con problemas físicos, substituído polo xuvenil, Jorge Carrillo, que se estrea na lista do primeiro equipo.

Deste xeito, os 18 xogadores que Luismi leva a Segovia son: Edu, Carrillo, Adrián León, Nacho, David Castro, David Goldar, Jimmy, Kevin Presa, Mouriño, Álex Fernández, Pibe, David Añón, Iván Martín, Berrocal, Éder, Jorge, Marcos Álvarez e Jesús Barbeito.

Pola súa banda a Gimnástica Segoviana contará coa única ausencia do seu capitán, Chema, por problemas nun xeonllo.

O colexiado do encontro será o murciano Jorge Díaz Escudero.