O Pontevedra habilita un autobús para a viaxe dos seus afeccionados a Abegondo

Pontevedra
26 de xaneiro 2015

O partido ante o Deportivo B na Coruña xogarase o próximo sábado 31 de xaneiro ás 18:30 horas na Cidade Deportiva de Abegondo

Mouriño vaise de Remeseiro no partido Pontevedra-Deportivo B en Pasarón Diego Torrado

Non estará só o Pontevedra no difícil desprazamento do próximo fin de semana, no que deberá visitar o Deportivo B, actual terceiro clasificado.

O club granate decidiu organizar unha viaxe para os afeccionados que desexen acudir ao choque, fixado para o sábado 31 de xaneiro ás 18:30 horas na Cidade Deportiva de Abegondo.

Segundo informa a entidade lerezana, habilitarase un autobús que partirá ás 16:00 horas dende o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á conclusión do encontro.

O custo da viaxe estableceuse en 10 euros, aos que habería que sumar o prezo da entrada, doutros 10 euros, aínda que os menores de 16 anos poderán entrar de balde.

Os seguidores intersados poden anotarse nas oficinas do Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas ata as 14:00 horas do venres.