Falto de frescura, posiblemente acusando a carga de traballo acumulada, o Pontevedra despediu os partidos de pretemporada cunha discreta vitoria no Carrasco sobre o Marcón Atlético. Os de Luisito foron moi superiores e dispuxeron de numerosas ocasións para ampliar o resultado, pero non estiveron acertados no remate final. Mouriño e Carlos Ramos asinaron os goles dun partido non demasiado vistoso.
Luisito dispuxo un once inicial no que deu entrada aos catro canteiráns que realizaron a pretemporada co primeiro equipo, sen facer demasiados cambios e volvendo utilizar de saída o sistema de tres centrais, co equipo disposto nun 3-4-1-2, que só moi ao final daría paso ao máis tradicional 4-4-2.
Con Mouriño e Prosi tentando dirixir as manobras, os granates eran donos do balón, pero custáballes xerar perigo serio, ata que unha falta na frontal permitiu a Mouriño abrir o marcador, colocando o balón por encima da barreira xunto á cepa do poste, dun modo moi similar a como o fixo fronte ao Céltiga.
O Marcón, ao que tamén lle faltaban efectivos, puido empatar case a continuación, nun despexe longo que se "comeu" a defensa granate, chegando o balón a Martín, pero o dianteiro local foi incapaz de bater a Anxo no man a man, desperdiciando a única ocasión clara que terían os seus en todo o partido.
Xusto antes do descanso, Lezcano tivo o segundo nas súas botas, pero evitouno José, que a longo prazo sería o mellor do partido, evitando unha derrota maior aos de Borja Burgos.
A segunda parte foi unha sucesión de ocasións desperdiciadas polo Pontevedra, que aínda sen realizar un bo xogo puido conseguir un resultado avultado. Añón atopouse coa resposta de José e pouco máis tarde o mesmo Añón volveu probar para que de novo o meta local rexeitase, pero nesta ocasión o coiro quedou solto para que Carlos Ramos fusilase de preto o segundo.
O mesmo Carlos Ramos puido marcar de novo na ocasión máis clara, cando con todo a favor estrela o remate no pé do porteiro local.
E no tempo de desconto Etxániz e Prosi tampouco acertarían, atopándose neste caso co porteiro cadete do Marcón, Juan, que realizou dúas excelentes intervencións, ovacionadas pola súa afección.
MARCÓN ATLÉTICO (0): José (Juan, minuto 80); Teije (Jaime, minuto 74), Marcos, Álvaro (Román, minuto 74), Racha, Valiñas (Sapi, minuto 63), Emilio (Juan Carlos (minuto 74), Arturo, Martín (Carballude, minuto 80), Iago e Iván.
PONTEVEDRA CF (2): Anxo; Juan, David Castro, Garrido (Adrián León, minuto 66), Mongil, Álex Fernández (Bruno, minuto 46), Antón (Carlos Ramos, minuto 46), Mouriño, Lezcano, Prosi e Añón (Etxániz, minuto 69).
Árbitro: Miguel Oliveira (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Torres Gómez e Nacho Limetre. Amoestou a Iván, no Marcón, e a Mouriño, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 20: Mouriño. (0-2) Minuto 58: Carlos Ramos.
Incidencias: Campo de O Carrasco (Marcón-Pontevedra). Uns 350 espectadores.