O Pontevedra precisa un "líder" no centro do campo para pechar o plantel

Pontevedra
21 de agosto 2021

O adestrador granate descarta a necesidade de acudir ao mercado para cubrir algunha das tres fichas  sub 23 dispoñibles, que serán adxudicadas ao novos do filial e xuvenil que traballan ás ordes de Ángel Rodríguez desde o inicio da pretemporada

Adestramento da pretemporada 2021/2022 do Pontevedra en Pasarón
Adestramento da pretemporada 2021/2022 do Pontevedra en Pasarón

"Quero unha fichaxe para o medio do campo. Alguén que teña ida e volta e estea maduro na categoría, que sexa un xogador importante. Non que veña a competirlle o posto a ninguén, senón que viñese coa bitola de líder, con voz e voto dentro do campo". É a petición do adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, ao director deportivo, Toni Otero, para as últimas semanas do mercado de fichaxes.

O equipo granate ten libre unha ficha sénior e tres sub 23, pero o técnico leonés confórmase cunha soa fichaxe. Iso si, ten que ser "un xogador consolidado e que poida marcar diferenzas", demanda o preparador.

Con todo, Rodríguez está disposto a esperar ata o último minuto de mercado para facerse con esa peza que lle falta para facer un Pontevedra máis competitivo. "Díxenlle a Toni que non teña présa. É unha ficha que temos que cubrir moi ben porque temos necesidade. Hai que ter paciencia, queda moito tempo de mercado e non nos podemos equivocar", explica.

O xogador elixido ten que ser un futbolista con presenza en ambas as áreas e fortaleza no centro do campo, que é a carencia máis grave que detectou o adestrador o o primeiro equipo durante as primeiras semanas de preparación. "Sería un box to box, que teña músculo, que non fuxa dos contactos e que gañe os duelos no medio do campo porque creo que é algo que nos falta e viríanos moi ben", resolveu.

Doutra banda, descartou acudir ao mercado para completar algunha das tres fichas sub 23 dispoñibles. "A intención é enchelas con xente da casa", pero advirte que é preciso darlles tempo para que gañen peso no primeiro equipo porque están en fase de formación aínda. "Os que máis están a achegar aínda necesitan un proceso de adaptación, porque o salto de categoría é grande", puntualiza o preparador para quitar presión aos canteiráns que queden con esas tres fichas do primeiro equipo.