O Pontevedra presenta a Ramón Verdú: "Todos me hablan maravillas de la ciudad y del club"

Pontevedra
27 de xullo 2015

O lateral zurdo, que chega procedente do Marbella, asegura non se marcar límites e aspirar ao máis alto. Xa se puxo ás ordes de Luisito. Lupe Murillo dá por "practicamente cerrado" o equipo con esta incorporación

Ramón Verdú e Lupe Murillo na presentación do xogador
Ramón Verdú e Lupe Murillo na presentación do xogador /

O equipo do Pontevedra "prácticamente queda cerrado" tras a incorporación de Ramón Verdú, xogador presentado este luns no Estadio Municipal de Pasarón tras participar no primeiro adestramento cos seus compañeiros a primeira hora.

Así asegurouno Lupe Murillo ante os medios de comunicación porque a día de hoxe "no nos quedan fichas senior salvo salidas de última hora", caso que podería producirse se frutifica a negociación con Álvaro Muñiz, que non entra nos plans de Luisito.

Unha desas fichas sénior ocuparaa Verdú, lateral zurdo de longa traxectoria en Segunda B que chega a Pontevedra procedente do Marbella sen marcarse límites.

O futbolista andaluz asegura que foi fundamental na súa decisión de fichar polo club granate a opinión dalgúns ex do Pontevedra como Mikel Azparren ou Pablo Alfaro, o seu adestrador en Marbella, e é que "todos me hablan maravillas de la ciudad y del club, no encontré a nadie que hablase mal", explicou na súa primeira comparecencia.

Asina por un ano e a pesar da súa condición de defensor recoñece que "me gusta mucho atacar, sobre todo a balón parado".

Verdú recoñece que "es díficil encontrarse a un equipo con estas instalaciones y esta profesionalidad", algo que axudou a decidirse polo Pontevedra malia ser un recén ascendido, xa que segundo el non debería ter competido en Terceira e merece "mínimo una categoría más".

A de Ramón Verdú é a quinta fichaxe do verán para o Pontevedra Club de Fútbol.