O Pontevedra Rugby Club, a consolidar o seu proxecto feminino

Pontevedra
07 de outubro 2021

Tras o seu paso dun ano pola División de Honra B, o club pontevedrés prepárase para saír a competir na Liga Galega coa intención de consolidar un proxecto que custou varios anos poñer en marcha

Recibimento ao equipo feminino do Pontevedra Rugby Club Mónica Patxot

Tras o seu paso dun ano pola División de Honra B, o equipo feminino do Pontevedra Rugby Club (PRC) prepárase para saír a competir na Liga Galega.

A intención da entidade é consolidar un proxecto que custou varios anos poñer en marcha por falta de xogadoras.

O paso dunha tempada por categoría nacional "non foi o mellor ano a nivel de rugby pero gañou moito en cohesión e en fomentar o deporte feminino", defendeu o adestrador do equipo, Rubén Sanmartín, na recepción ofrecida polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a edil de igualdade, Yoya Blanco, na entrada da Casa da Luz.

Na actualidade o PRC conta con 16 fichas sénior femininas, cifra axustada, pero "sempre estamos abertos a que se poida sumar xente, non hai límite de xogadoras nin plantel", engadiu Sanmartín confiando no progreso do rugby feminino non só a nivel local, senón en toda Galicia.