O Pontevedra salva un punto 'in extremis' ante un superior Celta B (1-1)

Pontevedra
15 de outubro 2022

O Pontevedra CF non sabe o que é perder en Pasarón aínda que non faga o seu mellor fútbol. Os de Antonio Fernández sufriron ante un Celta B moi superior pero lograron salvar un punto no minuto 87 tras un erro defensivo do filial que Martín Diz non desaproveitou para transformar no 1-1

Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e RC Celta de Vigo B en Pasarón
Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e RC Celta de Vigo B en Pasarón

O Pontevedra CF non sabe o que é perder en Pasarón aínda que non faga o seu mellor fútbol. Os de Antonio Fernández sufriron ante un Celta B moi superior pero lograron salvar un punto no minuto 87 tras un erro defensivo do filial que Martín Diz non desaproveitou para transformar no 1-1.

Con problemas empezou o partido para o Pontevedra, que se viu superado desde o minuto coas transicións rápidas e a alta presión dun Celta B protagonista e dono do balón. De feito, foron os vigueses os que tiveron a primeira ocasión para poñerse por diante. David Soto cometeu unha no pico da área, Raúl Blanco centrou e Miguel Román, nun mal despexe, case enchufa o balón na súa propia portería, pero unha boa estirada de Álvaro Cortés impediu o tanto do filial vigués.

Aos granates estaba a custarlles dar dous pases seguidos, pero a partir do minuto 10 espertaron e chegaron por primeira vez a portería do Celta. Álex González  púxoa desde a banda esquerda ao momento de penalti, Jon Bakero rematou e o seu cabezazo foise fóra polos pelos.

O dominio cambiou totalmente de bando e era ao Celta ao que lle tocaba replegar e defender sen balón, mentres o Pontevedra movía o balón para buscar espazos entre a muralla celeste. E era a través de centros, sobre todo desde a esquerda, cos que os locais tiñan o seu mellor arma e vían na cabeza de Charles outra opción para anotar.

O Celta optaba polo xogo rápido e sorprendía cunha boa acción entre Sotelo e Álvarez, que facían unha parede entre a defensa granate, pero Álvaro Cortés aparecía para parar por abaixo o chute do '23'. Tivo que intervir pouco despois o gardameta tras un mal pase de cabeza de Bastos que parecía que quedaba curto, pero Álvaro reaccionou a tempo e freou as intencións dos celestes.

Co paso dos minutos o Pontevedra foi baixando o ritmo e empezaba a mostrarse vulnerable en tarefas defensivas, mentres o Celta gozaba de numerosas ocasións, sobre todo a balón parado. Pero foi tras un erro na saída de Churre cando os de Vigo gozaron dunha ocasión moi clara para adiantarse. Miguel anticipouse ao pase do pontevedrés e puxo o balón a Raúl.  Afortunadamente, Álvaro Cortés volvía intervir e impedía, unha vez máis, o gol rival.

Antes do descanso, os celestes foron moito máis verticais e asediaban continuamente a portería dun Pontevedra que necesitaba urxentemente que o colexiado pitase o final da primeira metade.

Tras o paso polos vestiarios, parecía que os de Antonio Fernández ían facer co balón, pero era o Celta o que protagonizaba a primeira ocasión da segunda parte. Balón en longo a Miguel que gañou en velocidade a Churre, chegou ata a liña de fondo e tentou sacar un centro que desviou a córner Álvaro Cortés. Con todo, o porteiro pontevedrés non puido facer nada na seguinte xogada. Roubou Medrano a Yelko Pino e enviou entre liñas a Raúl Blanco que, en dous tempos, bateu ao gardameta granate para facer o 0-1.

Tocaba dar a volta ao marcador e o Pontevedra sabíao, protagonizando unha serie de ocasións coas que puideron igualar. Pediron penalti os granates tras a caída de Yelko Pino dentro da área, pero o árbitro non viu nada, e despois o '10' sacou un bo disparo desde fóra da área que se foi desviado.
Pero ata aí chegou o bo facer dos granates, superados pola presión dun Celta que roubaba sen problemas e pola velocidade dun rapidísimo e imparable Miguel, que obrigaba a Churre a empregarse a fondo.

O Pontevedra empezaba a caer na precipitación ante a necesidade  de marcar un gol e Antonio Fernández cambiaba a formulación e daba entrada a Rufo e Oier Calvillo. Previamente entraran Guèye e Alberto Rubio, pero este último foi substituído por Calvillo. Atopou con eles velocidade en ataque, pero a cousa pintaba mal para un Pontevedra sen ideas.

Entrou o partido no último cuarto de hora e foi cando os de Antonio deron un paso adiante a base de coraxe. Entre Álex González e Rufo protagonizaron unha boa ocasión, cun pase en longo do capitán ao que non chegou polos pelos o madrileño, e tamén de córner, o primeiro para os granates de todo o partido, que non atopou rematador.

Non quería cometer riscos o Celta, pero cometía unha falta perigosa ao bordo da área cando corría o minuto 84 e probou sorte Miguel Román, pero o disparo tocou na barreira e foise desviado a córner.

O Pontevedra veu arriba e subiu a presión, necesitado dun gol que non tardou en chegar. Domínguez buscou o pase cara atrás a Christian pero quedou curto. Presionou Rufo, o balón caeu nos pés de Brais Abelenda que cedeu a Martín Diz e este, sen oposición, enviou ao interior da portería do filial para facer o empate case 'in extremis' e rascar un valioso punto para seguir invicto en Pasarón.

PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Anxo Bastos (Martín Diz, min. 83), Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González, Brais Abelenda, Yelko Pino, Mario Ortiz (Alberto Rubio, min. 45; Oier Calvillo, min. 68), Charles  (Rufo, min 68) e Jon Bakero (Guèye, min. 58).

CELTA DE VIGO B (1): Christian Sánchez, Carrique, Medrano, J. Domínguez, S. Barcia, Miguel (Lautaro, min. 83), Iker (Javi Gómez, min. 73), Martín, Raúl Blanco  (Pablo Durán, min. 60), Hugo Sotelo (San Bartolomé, min 60) e Hugo Álvarez (Yoel Lago, min. 83).

Goles: 0-1, Raúl Blanco (min. 51). 1-1, Martín Diz (min. 87).

Incidencias: Partido correspondente á xornada oito de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón #ante aproximadamente 3.000 afeccionados.