O pontevedrés Alberto Gómez, entre os árbitros designados para a fase de ascenso a Segunda División

Pontevedra
13 de maio 2021

Na súa terceira campaña na categoría de bronce, o colexiado do Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra foi premiado coa súa presenza na fase de ascenso que se disputará en Estremadura

Alberto Gómez Lameiro, árbitro pontevedrés
Alberto Gómez Lameiro, árbitro pontevedrés / Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra

É só a súa terceira tempada na Segunda División B, pero o seu bo facer non pasou desapercibido para os responsables da Real Federación Española de Fútbol.

O pontevedrés Alberto Gómez Lameiro é un dos 24 colexiados seleccionados para a fase de ascenso a Segunda División que comeza este próximo sábado 15 de maio en Estremadura.

Gómez Lameiro logrou ascender á categoría de bronce do balompé nacional ao termo da campaña 2017-2018, e desde entón dirixiu un total de 32 encontros de liga e un de Copa, 10 deles esta mesma campaña.

Ademais do representante do Comité Técnico de Árbitros (CTA) de Pontevedra foi designado para o play-off outro colexiado galego, o asistente lugués Brais García Valín.

ÁLVARO JUNCAL, CANDIDATO Á SEGUNDA RFEF

O  CTA de Pontevedra ten ademais outro motivo para alegrarse, e é que un dos seus colexiados superou a primeira fase do Programa de Talentos e Mentores en Terceira División e optará ao ascenso á nova categoría da Segunda RFEF.

Trátase de Álvaro Juncal Moreira, un dos catro galegos que lograron avanzar á fase nacional que se realizará os días 4 e 5 de xuño. O resto son Alfonso Alcalá Rey (Santiago), Javier Figueiredo Comesaña (Vigo) e Gabriel Quintairos Rial (Vigo).