Dobre representación da arbitraxe pontevedresa na Primeira RFEF

Pontevedra
15 de xuño 2021

A Real Federación Española de Fútbol confirmou o persoal de colexiados para a nova categoría, na que estarán dous representantes do CTA de Pontevedra como Alberto Gómez Lameiro e Daniel Pastoriza Iglesias. Ademais Álvaro Juncal Moreira logrou o ascenso e a Segunda RFEF

Daniel Pastoriza Iglesias (centro) e Alberto Gómez Lameiro (dereita)
Daniel Pastoriza Iglesias (centro) e Alberto Gómez Lameiro (dereita)

A arbitraxe pontevedresa está de parabén, e contará con representación nas novas categorías creadas pola Real Federación Española de Fútbol, a Primeira RFEF e a Segunda RFEF.

Na primeira delas, que pasa a ser o terceiro chanzo do balompé nacional, dous serán os colexiados do CTA de Pontevedra, segundo confirmou Comité Técnico de Árbitros.

Trátase de Alberto Gómez Lameiro e Daniel Pastoriza Iglesias, ambos os dous con tres tempadas ás súas costas na Segunda B. O primeiro deles, Alberto Gómez, foi premiado ademais esta campaña polo seu bo labor sendo un dos 24 colexiados escollidos para a fase de ascenso a Segunda División.

Xunto a eles na Primeira RFEF estarán catro asistentes galegos: David Fernández Blanco (Ourense), Brais García Valín (Lugo), Gonzalo Gómez Lemos (Lugo) e Cristian Vázquez Martínez (Vigo).

Non terminan aí as boas noticias para o CTA de Pontevedra, e é que un dos seus afiliados, Álvaro Juncal Moreira, logrou ascender á Segunda RFEF tras superar con boa nota o Programa de Talentos 2021, no que tamén certificaron o seu salto de categoría outros tres colexiados galegos.