O pontevedrés Xavier Carballo continúa coa súa progresión no mundo da escalada deportiva, tal e como demostrou a fin de semana na segunda cita da Copa de España de Escalada de Dificultade, celebrada nas instalacións de Indoorwall Vilanova i a Geltrú (Barcelona).
O deportista do Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo protagonizou unha notable competición na categoría sub-18 masculina para terminar subindo ao segundo chanzo do podio.
Xavier só foi superado na súa categoría polo vasco Joanes Esparta, cun 38+ polo 32+ do pontevedrés. Terceiro sería o catalán Ian Cano (28+).
Tras esta competición, Carballo consolídase no segundo posto da clasificación xeral da Copa de España de Dificultade con 135 puntos, a falta só da proba que se disputará os días 8 e 9 de outubro en Xetafe.