O rally do Albariño volverá pasar por Ponte Caldelas doce anos despois

Ponte Caldelas
23 de novembro 2020

A competición celebrarase os días 18 e 19 de xuño e un dos tramos terá saída e meta en chan caldelano

Reunión no Concello de Ponte Caldelas para estudar o tramo do Rally do Albariño neste municipio Concello de Ponte Caldelas

Un tramo da próxima edición do rally do Albariño pasará por Ponte Caldelas. Esta competición automobilística celebrarase os días 18 e 19 de xuño. Concello e organización, a escudería Congostra Team de Sanxenxo, analizan agora que estradas son as máis apropiadas para celebrar esta etapa que, aseguran desde o goberno local, terá saída e meta neste municipio.

Encadrada no campionato galego desta especialidade, esta competición pasou en numerosas ocasións polas estradas de Ponte Caldelas. Con todo, desde o 2009 a caravana non facía escala nun municipio que destaca pola súa afección aos deportes do motor.

Proba diso é que un ano máis se volverá a celebrar a Subida a Ponte Caldelas, suspendida este ano pola pandemia. Concello e escudería negocian a fin de semana de agosto máis apropiado para celebrar unha competición que cada ano atrae a máis afeccionados.