O "raro" regreso dos atletas da Gimnástica á pista do CGTD

Pontevedra
01 de xullo 2020

"Temos que manter máis as distancias, non estamos tan xuntos como antes e hai menos sensación de equipo", recoñece a lanzadora Iria Filgueira. A pesar diso a entidade pontevedresa valora de maneira positiva a súa entrada na 'nova normalidade' deportiva

Adestramento da Gimnástica no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Adestramento da Gimnástica no Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Ángela F. Sobral / Sociedad Gimnástica

Despois de varios meses de espera e adestramentos na casa primeiro, e en zonas públicas ao aire libre despois, os atletas da Sociedad Gimnástica entraron na 'nova normalidade deportiva', a que supón o seu regreso aos adestramentos na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Ata o 22 de xuño só podían exercitarse nas instalacións que xestiona a Xunta de Galicia os considerados Deportistas de Alto Nivel (DAN), o que pechaba a porta a moitos dos atletas do club. Agora con todo xa poden regresar á súa 'casa', iso si, baixo estritas medidas de prevención e seguridade.

"Temos que manter máis as distancias, non estamos tan xuntos como antes e hai menos sensación de equipo", recoñece a lanzadora Iria Filgueira, para quen "é raro" por exemplo non poder axudar a colocar os valos.

Con todo a valoración dos atletas é positiva "a pesar das medidas de seguridade que tivemos que adoptar", explica a pertiguista Marta González, e é que no seu caso "foi unha marabilla poder volver facer a técnica de pértega para volver coller un pouco o hábito de saltar", asegura. Todo coas "ganas e motivación de pensar que se todo isto evoluciona ben máis adiante podamos competir".

Tamén o velocista Pedro Fernández valora como un gran paso adiante aproximarse a "un adestramento máis normal, máis en serio, cos cravos e os tacos, que che preparan moito máis”.

Agora, á espera de que se fixen competicións para o tramo final de ano, contan que a partir do mes de setembro, o obxectivo será ir recuperando aos poucos a forma e evitar lesións para cando chegue o momento poder competir coas maiores garantías. Ganas non lles faltan despois de tantos días sen poder gozar do seu deporte.