O Bádminton Ravachol disputou este sábado ás 17:00 horas unha das probas de lume desta tempada. O conxunto pontevedrés desprazouse ao pavillón de Arroyo de la Miel (Málaga) para enfrontarse ao Benalmádema co obxectivo de sumar os primeiros puntos dun ano que está a resultar complicado debido á gran cantidade de lesións e á dificultade de xogar cos reforzos estranxeiros. Ningún dos dous equipos coñecía a vitoria ata o momento, polo que o enfrontamento, correspondidente á terceira xornada de liga antollábase moi importante para ambos.
Os primeiros en saír á pista foron Alejandro Nogueira e Noelia Gestoso para enfrontarse no dobres mixto fronte a Ernesto Velázquez e Ainoa Cuervas. Despois dun primeiro xogo igualado que finalizou 21-17 a favor dos locais, no segundo tivérono máis facil e sentenciaron cun avultado 21-11, conseguindo o primeiro punto do partido para o Benalmádena.
O dobres feminino disputárono Ana Carbón e Raquel Míguens ante Elisa Borrás e Elena Lorenzo, decantándose a vitoria para as locais que venceron por 21-17 e 21-9 ás xogadoras do Ravachol.
Co 2-0 no marcador chegou o momento do dobres masculino. Manuel Brea e Luke Pearce enfrontáronse a Rafael Gálvez e Jose Molares, disputando o enfrontamento máis igualado ata o momento. O primeiro xogo gañárono os de Málaga por 21-18, mentres que o segundo leváronllo Brea e Pearce por 21-23, dando paso ao terceiro e definitivo que concluíu nun claro 21-9 que puxo o 3-0 global.
O primeiro punto para os de Pontevedra chegou da man de Ana Carbón. En individual feminino enfrontouse a Lucía Galvín, vencendo por 16-21 no primeiro xogo e cedendo o segundo por 21-12. O terceiro e decisivo foi o máis igualado, pero finalmente levoullo a xogadora do Ravachol por 17-21.
Luke Pierce foi o encargado de disputar quinto partido fronte a Ernesto Baschwitz. O do Ravachol competiu ata o final para conseguir o segundo punto para o equipo pontevedrés pero os erros nos momentos clave acabaron decidindo o partido para o Benalmádena (21-19, 18-21 e 23-21).
A seguinte en saltar á pista foi Raquel Míguens, que caeu por 21-14 e 21-11 ante Elena Lorenzo e, por último, Manuel Brea perdeu contra Ernesto Velázquez por 21-16 e 21-17, poñendo o 6-1 global.
Con este resultado, o Ravachol segue sen coñecer a vitoria na máxima categoría do bádminton español tras perder tres dos tres partidos disputados.