O regreso da liga Asobal trae ao Municipal ao Anaitasuna de Quique Domínguez

Pontevedra
03 de febreiro 2023

O Cisne retoma a competición este sábado ás 17 horas contra un dos rivais máis duros da categoría pero coa esperanza de ter un "chisco máis de sorte" para conseguir máis vitorias na segunda volta da liga

Partido de liga Asobal entre o Cisne e o BM Logroño disputado no Pavillón Municipal

A liga Asobal está de volta. Tras o parón polo mundial, a máxima categoría do balonmán español volve ao primeiro plano co inicio da segunda volta dunha competición á que o Cisne trata de agarrarse con uñas e dentes.

Os brancos, que marchan en penúltima posición, afrontan o tramo decisivo da tempada con dous novos reforzos e co estímulo positivo do bo papel realizado no mundial por dous dos seus xogadores, Chan e Furtado. En cambio, o estado físico dalgún dos seus xogadores decisivos, como Cavalcanti, seguirá lastrando aos de Javier Márquez nesta nova etapa da competición.

Ás 17 horas deste sábado volverá moverse o balón polas pistas do Municipal. O rival será un clásico da categoría, o Anaitasuna que adestra o pontevedrés Quique Domínguez. "Teñen unha defensa dura e alternante que che complica a vida senón estás preparado para atacala", puntualiza o segundo adestrador, Marcos Otero, quen encomia o estilo do técnico pontevedrés ao sinalar que "os seus equipos xogan con moi bo ritmo, cambios de direccion e unha boa conexion co pivote".

A pesar da dureza do rival, no Cisne confían en ter un "chisco máis da sorte que nos faltou na primeira volta para sacar máis puntos". E para darlle a volta á situación confían na achega dos dúas novas fichaxes: Calin Dedu e Daniel Serrano.