O Ribadumia desperdicia os tres puntos e asina un empate co As Pontes (2-2)

O Salnés
16 de maio 2021

O Club Deportivo Ribadumia desperdiciou os tres puntos no enfrontamento deste domingo fronte ao As Pontes na Senra. Fran Fandiño para os locais e David García para os ferroláns foron os protagonistas do encontro cun dobrete cada un

Partido entre Ribadumia e As Pontes en A Senra
Partido entre Ribadumia e As Pontes en A Senra

O Club Deportivo Ribadumia desperdiciou os tres puntos no enfrontamento deste domingo fronte ao As Pontes na Senra. Fran Fandiño para os locais e David García para os ferroláns foron os protagonistas do encontro cun dobrete cada un.

Abriu o marcador Fran Fandiño no minuto 18, adiantando a un Ribadumia que necesitaba os tres puntos como auga de maio para lograr a permanencia en Terceira División. Igualou David García cando se alcanzaba a media hora de xogo, asinando as táboas a un gol ao chegar ao intermedio.

Despois do descanso, o 7 do Ribadumia volveu adiantar ao seu equipo a pouco de comezar a segunda metade, dando paso aos instantes máis intensos nos que o As Pontes non deixou de axexar a portería de  Rober Pazos buscando o empate.

Un empate que chegou desde o punto de penalti cando quedaban 6 minutos para o final. David García converteuse outra vez en protagonista para o equipo visitante, enviando á rede o esférico e anotando o 2-2 co que concluíu o encontro.

Consulta a acta do Ribadumia-As Pontes