O CD Ribadumia reencontrouse coa vitoria esta fin de semana despois de gañar por 0-2 o Estudantil. O campo de Santa Isabel acolleu un duelo vital pola permanencia que os aurinegros sentenciaron na primeira metade con gol un gol en propia de Catú e outro de Álex Fernández.
Adiantouse moi pronto o equipo de Luís Carro. Nin máis nin menos que aos catro minutos. Cun pouco de fortuna, iso si, xa que foi un xogador local o que enviou á súa propia rede o esférico. Botou Cerqueiras unha falta pechada desde o lateral esquerdo que Catú non despexou ben e encaixou na súa portería.
Empezou a sufrir o Ribadumia a raíz do 0-1, cando o Estudantil deu un paso adiante para buscar o gol que lle dese o empate e os metese de novo no partido.
Con todo ocorreu o contrario e, nunha xogada illada, chegou o segundo tanto na renda aurinegra. Cerqueiras reapareceu para ser protagonista e asistir desde campo propio a Álex Fernández, que fixo valer a súa velocidade para aproveitar un erro defensivo e plantarse diante de Pallas para anotar o 0-2.
Na segunda metade o Ribadumia só tivo que aguantar para amarrar este valioso resultado que o mantén na quinta posición pero empatado a puntos co Barco, que marca a salvación, e con aínda 12 puntos en xogo por diante.
Consulta a acta do Estudantil-Ribadumia