O rugby de base de Galicia deixa atrás a covid cunha concentración en Pontevedra

Pontevedra
21 de abril 2022

O Pontevedra Rugby Club organiza este sábado 23 de abril a primeira concentración post-covid de Escolas de Galicia, na que está prevista a participación de 200 deportistas

Adestramento dun equipo de base do Pontevedra Rugby Club
Adestramento dun equipo de base do Pontevedra Rugby Club / Pontevedra Rugby Club

O Pontevedra Rugby Club pecha o círculo da pandemia, e faino cunha actividade que lle fai especial ilusión, a de organizar a primeira concentración post-covid de Escolas de Galicia.

Esta actividade de base tívose que suspender hai dous anos polo coronavirus, e agora recupérase en Pontevedra cunha xornada que reunirá a preto de 200 deportistas de catro categorías (6-8-10-12 anos).

Será, asegura o club pontevedrés, unha xornada de festa e diversión ao redor do deporte que terá lugar na Xunqueira con ata cinco campos de xogo e zona lúdica para os máis pequenos.

Ademais a concentración contará coa presenza como padriño de Mario Copetti Fanlo, seleccionador español de rugby praia e seleccionador da Federación Catalá de Rugby, que impartirá unha xornada de formación para adestradores e tamén para a escola municipal de rugby.