O rugby de base pontevedrés saca músculo nas finais galegas

Pontevedra
18 de abril 2024

Dous equipos do Mareantes, os de categoría M14 e M16, disputarán este sábado 20 de abril as finais da Liga Galega no estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín

Partido de base do Mareantes Rugby Club Pontevedra Mareantes Rugby Club Pontevedra

En Pontevedra o rugby goza de boa saúde, tal e como demostraron esta tempada os equipos do Mareantes RCP e Pontevedra Rugby Club (PRC).

Sobre todo na base os equipos pontevedreses sacaron músculo, chegando ás finais da Liga Galega.

De feito dous equipos do Mareantes, o M14 e o M16, disputarán este sábado 20 de abril as finais polo título autonómico que se disputarán no Estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín.

Os M14 mediranse no seu final (11.00 horas) a Os Ingleses de Vilagarcía, mentres que o Mareantes M16 xogará fronte ao Vigo Rugby (12.30 horas), ao que se suma a presenza do Pontevedra Rugby Club na final feminina (16.40 horas).

O pleno nas finais de ligas de base completouno o equipo M18 do PRC, nun encontro xa disputado e que finalizou con derrota fronte ao Vigo Rugby.