O Squash Pontevedra presume con Marta Domínguez de campioa de España absoluta

Pontevedra
01 de xuño 2021

Aos seus 19 anos, a xogadora viguesa do Squash Pontevedra proclamouse a fin de semana en Barcelona campioa de España absoluta, un éxito que se engade aos conseguidos nos últimos anos en categorías inferiores

Marta Domínguez, tras proclamarse campiona de España absoluta de squash
Marta Domínguez, tras proclamarse campiona de España absoluta de squash / Squash Pontevedra

Aos seus 19 anos, Marta Domínguez deulle ao Squash Pontevedra todo un Campionato de España Abosoluto.

A xogadora viguesa, formada desde hai anos na canteira do Squash Pontevedra baixo a tutela de Miguel Novegil, engadiu un fito máis nun palmarés que xa contaba con títulos nacionais en categorías inferiores e tamén con internacionalidades coa Selección Española.

Domínguez afrontou o torneo nacional absoluto a fin de semana en Barcelona, debutando o venres nos oitavos de final.

Ata o partido decisivo non cedeu nin un só xogo, a pesar de enfrontarse a rivais de nivel como a castellonenca Margaux Pitarch, a tamén viguesa Sofía Rodríguez e a catalá Noa Romero.

Xa na final esperaba Cristina Gómez, defensora do título e que a vencera na final de 2019. A murciana empezou dominando por 8-11, con todo a representante do Squash Pontevedra reaccionou para anotarse os tres seguintes parciais (11-7, 11-3 e 11-6) e levar un trofeo do que xa presume o seu club, seguindo os pasos da que foi a súa compañeira de equipo Xisela Aranda.