Recoñecemento ao traballo do Squash Pontevedra tras o título nacional absoluto de Marta Domínguez

Pontevedra
03 de xuño 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández, ofreceron este xoves unha recepción oficial a Marta Domínguez, flamante campioa nacional absoluta de squash

Recepción municipal a Marta Domínguez tras proclamarse campiona de España de squash
Recepción municipal a Marta Domínguez tras proclamarse campiona de España de squash

Poucos clubs poden presumir de conseguir vencer o Campionato de España Absoluto de Squash con dúas xogadoras diferentes e con poucos anos de diferenza.

Si o pode dicir o Squash Pontevedra, grazas primeiro a unha veterana como Xisela Aranda e agora a unha xogadora formada desde hai anos nas súas filas, Marta Domínguez.

A deportista viguesa creceu deportivamente na Boa Vila ata converterse con só 19 anos en campioa nacional, vencendo no campionato celebrado a pasada fin de semana en Barcelona.

Ese triunfo, que se suma ao subcampionato conseguido en 2019, supón todo un reforzo ao traballo dun club humilde como o pontevedrés.

Ese esforzo quixo ser tamén recoñecido este xoves cunha recepción oficial no Concello de Pontevedra ofrecida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández, á protagonista da fazaña e tamén ao seu adestrador e alma máter do club, Miguel Novegil.