O sub23 do Froiz Rubén Fandiño, novo campión de Galicia de fondo en estrada

Pontevedra
04 de xuño 2023
Podio do Gran Premio Concello do Porriño
Podio do Gran Premio Concello do Porriño / Federación Galega de Ciclismo

O Sub23 Rubén Fandiño, do Supermercados Froiz, fíxose esta fin de semana co título autonómico de fondo en estrada que estaba en xogo no Gran Premio Concello do Porriño. O gañador elite foi Iván Días do Lasal Cocinas-Louriña.

A terceira edición da carreira organizada polo Club Máster da Louriña reuniu a unha centena de corredores na liña de saída da Avenida Domingo Bueno do Porriño, onde además de estar en xogo o Campionato de Galicia Elite-Sub23, repartía puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo.

A carreira estivo dividida en dúas partes: 'A Volta ao Val' e as tres ascensións a portos de montaña, o de San Cosme e o de Abelenda, este último en dúas ocasións.

A competición estivo marcada por unha fuga de 17 ciclistas, que conseguiron unha renda próxima aos 2 minutos rodando polas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. A Meta Volante atopábase no quilómetro 70 e por alí pasou primeiro Álvaro Carasa (Padronés-Cortizo). De feito, malia que o conxunto de Padrón era o que contaba con máis representantes no grupo dianteiro, púxose a tirar do pelotón despois de atravesar Baiona para reducir considerablemente as diferenzas, dando continuidade ao traballo feito anteriormente polo High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo e o Laboral Kutxa.

O primeiro cambio na proba chegou nas ramplas do primeiro porto, onde o Padronés- Cortizo lanzou a Vojtech Kmikek e a Carlos Gutiérrez, que coroaron San Cosme, no quilómetro 91, xunto a Adrián Bugarín (Supermercados Froiz). O trío consolidouse camiño do Sprint Especial do Porriño, punto quente que se adxudicou o corredor checo, na antesala de arrancar o dobre ascenso ao Alto de Abelenda.

O ritmo da escuadra padronesa pasou factura a Bugarín, que se descolgou dos seus rivais, mentres Rubén Fernández Oliveira (Norinver) pelexaba para alcanzar a Kminek e a Gutiérrez na segunda subida a Abelenda, pero o defensor da camisola elite do Campión de Galicia non conseguiu conectar e o éxito dos compañeiros de equipo xa non correu perigo no regreso ao centro da capital da Louriña.

Con 29 segundos de vantaxe sobre o pelotón, o abulense e o checo festexaron o 'dobrete' do Padronés-Cortizo nos metros finais; Gutiérrez cedeu o triunfo no Gran Premio Concello do Porriño a Kminek; e posto que ningún dos dous optaba aos premios do Campionato de Galicia, estas se decidiron no esprint do grupo perseguidor con Rubén Fandiño como o máis rápido, acadando a terceira praza na carreira e por primeira vez o título sub23, por diante do abulense Noel Martín (Vigo-Rías Baixas) e de Iván Días, que grazas a súa quinta posición estreouse como campión autonómico elite.

Desta forma, o primeiro chanzo do podio do Campionato foi para o cambadés do Supermercados Froiz Rubén Fandiño, o segundo para Alejandro Paz (Padronés-Cortizo) e o terceiro para Sergio Lorenzo (Laboral-Kutxa), segundo e terceiro respectivamente na clasificación sub23 do Campionato.

Pola súa banda, o vigués do Lasal Cocinas-Louriña tivo como compañeiros no caixón elite a Iago Medín (Norinver), que recibiu a medalla de prata, e a Juan Vidal (Lasal Cocinas-Louriña), bronce na cita organizada polo equipo ao que pertence.

As clasificacións complementarias acaparounas o Padronés-Cortizo: impúxose por equipos, anotouse a Meta Volante con Carasa, o Sprint Especial con Kminek e a Montaña con Gutiérrez.

A cerimonia de entrega de premios contou coa participación de Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Abel Estévez, concelleiro de Deportes; Rafael Pérez, de Lasal Cocinas; Juan José Álvarez, presidente do Máster da Louriña; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.