O taekwondo de base ten unha cita no Municipal

Pontevedra
03 de maio 2017

Preto de medio milleiro de deportistas en idade alevín e intantil participarán o vindeiro sábado 6 de maio no Campionato Provincial Escolar de Taekwondo que se celebrará no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra

Presentación do Campionato Provincial Escolar de Taekwondo PontevedraViva

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra vibrará o próximo sábado 6 de maio coa emoción do deporte de base grazas ao Campionato Provincial Escolar de Taekwondo.

A competición, nas modalidades de exhibición e combate, reunirá a un total de 474 deportistas en idade alevín e infantil con "un nivel tremendo", recoñece Miguel Cortegoso, representante do Mace Sport, xa que "habitualmente da fase de Pontevedra sae o campión galego e mesmo de España".

A xornada comezará ás 9:30 horas cunha "macro exhibición" a cargo de deportistas dos clubs Suh, Escolas Deportivas de Poio e Mace Sport, continuando desde as 10:00 horas coa competición de exhibición en dous tapices.

Xa pola tarde, desde as 16:00 horas, será quenda da modalidade de combate, para a que se instalarán ata oito tapices na pista do Municipal.

A entrada no Pavillón Municipal dos Deportes, como en todos os eventos organizados ao emparo do Plan Xogade, será de balde para o público.