O taekwondo pontevedrés, protagonista no Open de España

Pontevedra
27 de marzo 2017

Especialmente destacados foron os resultados dos deportistas do Mat's na categoría senior, na que lograron catro medallas. Suh Sport e Mace Sport de Pontevedra tamén pisaron o podio na competición celebrada en Alacante

Pablo Fernández (dereita) tras ser prata no Open de España celebrado en Alacante
Pablo Fernández (dereita) tras ser prata no Open de España celebrado en Alacante / Federación Galega de Taekwondo

Grandes resultados para o taekwondo pontevedrés no Open de España de categoría G-1 celebrado durante a fin de semana en Alacante.

Especialmente destacado foi o papel do Mat's de Marín na categoría senior, na que logrou ata catro medallas por medio de Iván García, Pablo Fernández, Rubén Troitiño e Katya Calvar.

Iván García conseguiu a medalla de prata en -87 quilos ao perder unicamente na final ante Daniel Ros (10-5). Antes eliminara ao croata Dinko Segedin (12-4), ao catalán Álex Mais (7-5) e en semifinais ao estadounidense Hanssell Llanos (7-6).

Tamén colgou a prata Pablo Fernández na súa categoría, o peso pesado. Venceu no seu primeiro combate ao marroquí Mohamed Gannoun (17-6) e na semmifinal superou aal francés Omar O-Yazidi, medallista europeo (10-6). Xa na final cedeu ante o gabonés Anthony Obame, prata nos Xogos de Londres e que se impuxo nos instantes finais.

Pola súa banda Rubén Troitiño (-80 quilos) e Katya Calvar (-62 quilos) conseguiron senllas medallas de bronce na competición senior.

En idade junior Javier González (Mace Sport), logrou o título en -68 quilos despois de superar ao balear Carlos Mesdouri (16-4), ao tamén pontevedrés Unai Silva (8-5), a Aleixis Ruiz (16-3) e na final ao madrileño Manuel Gómez (18-6).

Tamén conseguiu a medalla de ouro Arlet Ortiz (Mat's) en -52 quilos desmotrando o seu gran estado de forma impoñéndose na final a Alma Pérez (Suh Sport) por 10 a 3.

Completou o medalleiro pontevedrés Desiree Rivadulla (Suh Sport) en +59 quilos cadete cunha medalla de bronce.