O boxeo en Marín non deixa de sacar novas promesas, como os dous púxiles do Team Thunder que participarán ata o domingo no Campionato de España para as categorías xoven e junior que se celebra na localidade salmantina de Béjar.
Trátase de Amancio Martínez, junior de 75 quilos, e Brais García, xoven de 91 quilos. Ambos os dous foron convocados pola Selección Galega e acoden á cita coa ilusión de pelexar polas medallas.
Nos seus tres anos no boxeo olímpico, Amancio foi progresando e atópase agora cunha gran oportunidade. En anteriores citas nacionais non puido competir ao atoparse nun peso superior ao que lle correspondía, pero agora tras baixar 20 quilos nos últimos 10 meses situouse no peso medio, onde "aspira a todo", sinalan desde o seu club.
Pola súa banda Brais García, peso pesado xoven, chega ao Campionato de España tras protagonizar un gran combate recentemente ante o medalla de bronce da Nacional elite, Carlos Padín, ao que a piques estivo de enviar á lona no primeiro asalto do seu enfrontamento.