Por primeira vez na súa historia, o Tenis de Mesa Monte Porreiro pode presumir de ser o actual campión galego absoluto por equipos na categoría masculina.
Todo un logro para o club pontevedrés, conseguido na fase final celebrada en Cambados e que ven moi importante para consolidar o seu crecemento.
Na semifinal o Monte Porreiro superou ao equipo anfitrión, o Cambados TM, por 3-0, mesmo resultado que se deu na final fronte ao Narón.
Nesta fase final debutou no pontevedreses un dos as súas fichaxes para esta tempada, o portugués André Silva, gañando os seus dous enfrontamentos por 3-0. Ademais destacou a vitoria en semifinais de Nacho Fernández fronte ao arxentino Andrés Correa. Pola súa banda na final o canteirán Cristofer Santiago gañou a un dos mellores xogadores galegos, o naronense Adrián Vidal. O equipo do Monte Porreiro completábao Carlos Casal.
A guinda a este fito pode poñela a próxima fin de semana o equipo feminino, que disputará a fase final do Campionato Galego por Equipos fronte ao Narón.