O Teucro centra a súa campaña de socios en recuperar a masa social perdida

Pontevedra
26 de agosto 2022

O equipo azul presentou este venres a súa campaña de abonados co slogan "Somos de Primeira"

Presentación da campaña de socios do Teucro para o seu primeiro ano en Primera Nacional
Presentación da campaña de socios do Teucro para o seu primeiro ano en Primera Nacional / PontevedraViva

Integrantes da xunta xestora que dirixe o Teucro presentaron este venres pola mañá a campaña de socios da entidade para a nova tempada, que comezará no 17 de setembro.

O slogan da campaña é "Somos de Primeira", unha mensaxe para "sacarnos o estigma de que estamos en Primeira Nacional, non pasa nada, xa para o ano falamos", explicou Óscar Paredes as razóns polas que elixiron este lema.

A intención da nova xunta xestora é "recuperar o Teucro inicial, partir desde cero" e a partir de aí ir poñendo os cimentos para regresar á elite cunha maior solidez en todos os ámbitos, tanto deportivo como estrutural e económico. Ademais, aseguran que o obxectivo deste ano é o ascenso a División de Honor Prata

Recuperar a masa social é fundamental para que o club volva crecer. E para logralo, todos os membros da xunta xestora puxéronse ao choio e chamando persoalmente a cada un dos que foron socios da entidade desde o ano 2013 para convencelos de que volvan abonarse. "A campaña de chamadas está a ir moi ben", recoñeceu Paredes sen poder dar unha cifra exacta das altas que xa teñen apalabradas.

A partir do luns comezaranse a expedir abonos na oficina que ten o club no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. O horario será de 9 a 12 horas, aínda que non descartan establecer unha quenda de tarde cando comece o curso escolar.

O prezo do abono para toda a tempada é de 60 euros, aínda que haberá un desconto de 10 euros para os menores de 25 anos que presenten o carné xoven da Xunta. Ademais, ofrecen tamén un abono familiar para dous adultos e dous menores de 25 anos por unha cota total de 150 euros. Así mesmo, recuperan a figura de socio protector, pensada especialmente para empresarios, aos que se lles concederá un obsequio e regalaráselles un abono extra para que conviden a afeccionados. 

Co obxectivo de seguir incrementando a base de afeccionados, están a se poñer tamén en contacto con todos os exxogadores das categorías inferiores menores de 25 anos. A todos eles, regalaranlles este ano un abono.

O obxectivo da nova directiva é chegar aos 2.000 socios que conseguiron en Asobal no ano 2016, unha meta tan ambiciosa como necesaria para que o Teucro recupere o seu lugar.