O Teucro contará con Marko Dzokic para a próxima tempada

Pontevedra
24 de xullo 2022

O capitán, que confirmou o pasado mes de xuño que sufría un cancro testicular, atópase en plena recuperación, pero desde o club esperan que "en outubro poida integrarse á disciplina"

Marko Dzokic nun partido co Teucro no Municipal
Marko Dzokic nun partido co Teucro no Municipal / Cristina Saiz

Boas noticias para a Sociedad Deportiva Teucro, que contará con Marko Dzokic defendendo a súa camiseta durante polo menos unha tempada máis.

O capitán, que confirmou o pasado mes de xuño que sufría un cancro testicular, atópase en plena recuperación, pero desde o club esperan que "en outubro poida integrarse á disciplina".

Dzokic chegou hai tres tempadas ao Teucro e converteuse nun dos xogadores máis importantes do equipo, onde xogou o seu pai, Goran Dzokic, décadas atrás.

Á renovación de Marko súmase a chegada ao primeiro equipo do canteirán Sergio Blond, que empezou en benxamíns e foi convocado pola selección galega en todas as categorías.

Esta semana tamén houbo tempo para as fichaxes no Teucro, e é que o central Xurxo Rivas incorporarase esta tempada ás filas pontevedresas tras pasar polo Seis ou Nadal e polo Villers de Francia (Primeira Nacional) onde estivo a xogar ao estar alí de Erasmus.

A el súmase o regreso do canteirán Miguel Giménez Pello, que estaba cedido no Lavadores esta tempada. O porteiro é fillo do lendario Txiki e actual adestrador dos xuvenís.

A parte amarga chega coa despedia de Gonçalo Areias, Pedro Sánchez e de Álex Gómez, que non seguirán no próximo curso.