O Teucro é de Asobal! A derrota do Sinfín en Vigo dálle o ascenso matemático

Pontevedra
03 de maio 2015

O Academia Octavio vence en Vigo ao Sinfín por 29-25 e deixa os cántabros sen posibilidades de arrebatar ao Teucro o ascenso directo a falta de dúas xornadas. A celebración será ás 20.00 horas deste domingo 3 na praza do Teucro

Banco do Teucro durante o partido ante o Barcelona B
Banco do Teucro durante o partido ante o Barcelona B / Diego Torrado

Non é o xeito soñado polos afeccionados e moito menos polo equipo, pero o Teucro xa é, de xeito matemático, equipo da máxima categoría do balonmán nacional.

Un empate ante a Barcelona B no Municipal outorgaba este sábado o ascenso á Liga Asobal, pero o que os azuis non conseguiron pechar na pista lográrono na bancada, concretamente a do pavillón das travesas de vigo.

Caprichos do destino o histórico rival deportivo do Teucro, o Academia Octavio vigués, foi o encargado de darlle o ascenso os pontevedreses.

Fíxoo vencendo nun gran partido ao Go Fit Sinfín (29-25) que deixa sen opcións ao conxunto cántabro de alcanzar o primeiro posto que ocupan os pontevedreses a falta de dúas xornadas para o final da liga regular.

Este resultado deixa o Teucro no liderado con 48 puntos, cinco de vantaxe sobre o Sinfín cando só quedan catro en xogo.

Deste xeito os de Quique Domínguez poñen o broche de ouro a unha tempada na que, ata o momento, só perderon catro partidos, dominando a competición dende o inicio de liga.

O equipo celebrará a vitoria con todos os afeccionados a partir das 20.00 horas deste domingo na praza do Teucro, no centro histórico.