Setenta anos non se cumpren todos os días e que mellor xeito que festexalo co regreso á máxima categoría do balonmán español. A SD Teucro, que chegará este luns a esa máxica cifra, xa é novo equipo de ASOBAL. En menos de 24 horas, xogadores, corpo técnico, directivos e afeccionados pasaron de certa decepción, ao non gañar ao Barcelona B e certificar na casa o seu ascenso, a desbordar toda esa alegría contida tras a derrota do Sinfín en Vigo.
E para celebralo, que mellor que reunirse na Praza do Teucro, escenario de grandes festexos na historia do club pontevedrés. Foi unha festa improvisada, cuxa convocatoria correu como a pólvora polas redes sociais. E fixo efecto. Centos de persoas achegáronse ata o corazón do centro histórico para acompañar os integrantes da SD Teucro que, seis anos despois, volverá xogar en ASOBAL.
Foi Carlos Pombo o encargado de actuar como 'speaker' nesta festa. Un a un, foi nomeando a todos os xogadores do equipo, así como aos membros do corpo técnico, encabezados por un Quique Domínguez que, afastado da contención á que nos acostumou durante toda a tempada, agradeceu o traballo de todas as persoas que contribuíron a lograr este ansiado ascenso "no ano que volvía a Pontevedra, ao meu club,".
Mentres o champaña inundaba a praza do Teucro e os cánticos de xogadores e afeccionados resoaban por todo o centro histórico, o adestrador pontevedrés -que foi manteado polo equipo- recoñeceu que "onte tería sido o día soñado" para celebrar este ascenso á máxima categoría do balonmán, pero facelo ao día seguinte "non embaza nin un pouco o traballo do ano, o contentos que estamos e a satisfacción da misión cumprida".
Pola súa banda, o presidente da SD Teucro, Carlos García-Alén afirmaba que este ascenso a ASOBAL é un "soño cumprido" e que supón "o mellor regalo de cumpreanos que poderiamos ter para noso 70 aniversario". A partir de agora, sinalou, "temos un reto" que é conseguir unha maior masa social e atraer patrocinadores para conseguir "cando antes" os recursos económicos suficientes para poder competir na máxima categoría.
"Co ascenso conseguido, creo que vai ser máis doado", augurou García-Alén, que pediu ás institucións -na celebración encontrábase, entre outros, o alcalde de Pontevedra- un maior apoio á entidade para cumprir con este obxectivo.
Neste sentido, Miguel Anxo Fernández Lores, que avanzou que o Concello de Pontevedra organizará unha recepción oficial ao equipo en próximos días, comprometeuse a "facer un esforzo" e apoiar a presenza da SD Teucro en ASOBAL "como se merece".