O Teucro Pescamar feminino e o filial masculino xogarán o ascenso na casa

Pontevedra
27 de abril 2016

A Real Federación Española de Balonmano confirma as sedes e grupos de competición para as fases de ascenso á Primeira Nacional Masculina e a División de Honra Prata Feminina, nas que estará presente o Teucro e exercerá de anfitrión

Equipo feminino do Teucro na presentación de equipos 2015-2016 Diego Torrado

Xa é oficial. Pontevedra acollerá un sector da fase de ascenso á División de Honra Prata Feminina e outro á Primeira Nacional Masculina de balonmán.

Así o confirmou este mércores a Real Federación Española de Balonmano tras a petición do Instituto Municipal de Deportes e Sociedad Deportiva Teucro, club que contará con representación en ambas as fases.

O equipo feminino do club pontevedrés, o Teucro Pescamar, terá como rivais ao Tierra de Barros (Estremadura), Siero Deportivo (Asturias) e Balonmano San Sebastián de los Reyes (Madrid). Dos catro equipos, só un logrará o ascenso, aínda que o mellor segundo de todos os sectores tamén o conseguirá.

Pola súa banda o filial masculino pelexará polas dúas prazas na Primeira Nacional que repartirá o sector pontevedrés. Os azuis tamén terán como rivais a Tierra de Barros e Balonmano San Sebastián de los Reyes, completando o grupo o Villa de Luanco (Asturias).

Tamén optará ao ascenso á categoría de bronce do balonmán nacional masculino o Rasoeiro do Grove. O cadro meco deberá viaxar ao País Vasco para afrontar o seu sector co anfitrión, Basauri, o Balonmano Colindres (Cantabria) e o Maristas Navarra.

Todos os sectores de ascenso disputaranse entre os días 13 e 15 de maio.