O Teucro pon fin á súa mala serie e atópase coa vitoria á conta do Lalín (26-30)

Pontevedra
21 de novembro 2020

Sete partidos fixéronlle falta á Sociedade Deportiva Teucro para atoparse coa vitoria esta tempada. Tras catro empates e dúas derrotas, o equipo de Irene Vilaboa desprazouse ata a cancha do Lalín en busca dos seus primeiros dous puntos

Partido de División Honra Prata entre Lalín e SD Teucro
Partido de División Honra Prata entre Lalín e SD Teucro / SD Teucro

Sete partidos fixéronlle falta á Sociedade Deportiva Teucro para atoparse coa vitoria esta tempada. Tras catro empates e dúas derrotas, o equipo de Irene Vilaboa desprazouse ata a cancha do Lalín en busca dos seus primeiros dous puntos.

O encontro comezou igualado. A pesar de que o Teucro logrou un pequeno colchón de dous goles, o Lalín respondeu con outros dous tantos que igualaban a contenda para dar paso a 25 minutos onde non había un claro dominador. Cada ataque local era respondido polos de azul, así ata chegar ao min 27 (10-10). Nese momento a defensa do cadro pontevedrés fíxose forte e fixéronse co control do partido, anotando un parcial de 0-3 que lles permitiu ir gañando cando se chegaba ao intermedio (10-13).

A segunda parte foi outro cantar. Os de Irene Vilaboa saíron á cancha coa mesma intensidade coa que finalizaron a primeira metade e aumentaron a renda en seis goles (min. 6). 

O Teucro non podía deixar escapar a súa primeira vitoria e así o demostrou. Aínda que por momentos o Lalín tentábase repoñer do golpe rival recortando a diferenza no marcador (min. 13, 18-22) Fede Wermbter reaparecía para impedir os goles locais e dirixir aos seus pola senda dos dous puntos.

Cando se alcanzou o ecuador o técnico local parou o cronómetro pero de nada serviu. O Teucro non se deixaba amedrentar polo Lalín e continuaba facendo o seu xogo. Foi así como con Marko Dzokic (8 goles), Samu Pereiro (6 goles) e Manuel Iglesias (6 goles) dirixindo ao equipo, lograron unha vantaxe de 7 goles (min. 25, 22-29).

O Lalín non llo quería poñer tan fácil e loitou ata o final, poñendo aos pontevedrés nun aperto ao endosarlles 4 tantos do tirón e reducindo a diferenza. Por sorte para o Teucro xa non quedaba tempo para máis e lograron a súa primeira vitoria por 26-30.