O Teucro renova a Miguel Sío para a próxima tempada

Pontevedra
21 de xuño 2021

O rendemento do xogador nas últimas xornadas da tempada resultou clave para a permanencia e convenceu á directiva para pechar a súa renovación

Partido entre o Teucro e o Amenabar Zarautz no Pavillón Municipal Cristina Saiz

A Xunta Xestora da SD Teucro fai oficial a renovación de Miguel Sío para a próxima tempada na que o conxunto pontevedrés volverá a militar na División de Honra Prata Masculina. 

O extremo dereito, que se converteu no goleador de referencia do plantel nos últimos partidos da tempada, sobresae pola súa capacidade de sacrificio tanto na parcela ofensiva como defensiva. O grao de implicación do xogador, que é un dos capitáns do primeiro equipo, así como adaptación ao estilo de xogo que desexa implantar o corpo técnico e a súa experiencia en partidos de alta intensidade e presión contribuíron a ampliar o contrato. 

"Estou moi a gusto no club. Tocounos vivir e sacar adiante unha situación complicada e iso uniunos moito. Decidín seguir un ano máis por iso mesmo e seguir mantendo a confianza do corpo técnico", confesa o xogador que espera lograr a permanencia o próximo ano sen necesidade de sufrir tanto.