O Teucro, un club comprometido coa integración

Pontevedra
09 de outubro 2015

O club pontevedrés, que leva dous anos colaborando coa Asociación Down-Xuntos, formaliza o convenio para que un dos usuarios da asociación, Miguel Pérez, realice as súas prácticas como masaxista co primeiro equipo durante a presente tempada. "Tiene muy buena sintonía con todos los jugadores", recoñece o técnico azul, Quique Domínguez  

Firma do convenio entre o Teucro e Down-Xuntos
Firma do convenio entre o Teucro e Down-Xuntos /

Leva dous anos colaborando coa Asociación Down-Xuntos Pontevedra e nesta ocasión deu un paso máis.

A Sociedad Deportiva Teucro confírmase como un club comprometido coa integración de persoas con discapacidade.

Se primeiro solicitaron colaboración para cubrir postos de delegados nos partidos das categorías inferiores ou para o manexo da mopa nos encontros do primeiro equipo no Municipal, agora o club azul ampliou o seu acordo coa asociación para dar cobertura a un dos seus usuarios.

Trátase de Miguel Pérez, que durante toda esta tempada realizará as súas prácticas laborais como masaxista co equipo de Liga Asobal, "con la posibilidad de renovar", explica o presidente teucrista, Carlos García-Alén.

Miguel integrouse no día a día do equipo dende a pretempada "ayudando a Javier (fisioterapeuta do club) y con muy buena sintonía con todos los jugadores", recoñece o técnico, Quique Domínguez.

Este xoves o Teucro e Miguel Pérez formalizaron a súa vinculación, acto tralo que o novo masaxista da entidade quixo "daros las gracias por darme la oportunidad".