A ilusión do Tenis de Mesa Ponte Porreiro de tentar repetir o seu histórico podio de 2021 na Copa do Rei chegou ao seu fin ao caer nos cuartos de final do torneo que se está celebrando en Santander.
A empresa, xa de seu complicada, converteuse en case unha xesta ao ter que afrontar o equipo pontevedrés dúas importantes ausencias.
Por unha banda o ruso Ilia Isakov non regresou do seu país tras acudir a unha competición internacional e producirse o inicio da guerra con Ucraína, e por outro Miguel Ángel Vílchez sufriu unha lesión no seu xeonllo que lle obrigou a dicir adeus ao que queda de tempada.
Aínda así, con Nico Galvano e Martín Betancor á cabeza dunha formación que completaban xogadores do segundo equipo, o Visit Pontevedra Monte Porreiro deu a cara na fase de grupos vencendo o Torrelavega (3-0) e Aqadem (3-2) avanzando aos cuartos de final como segundo, co Lekea Enea como primeiro sendo a súa única derrota.
Na fase de eliminación esperaba un duro adversario, o potente Cajasur Priego, invicto esta tempada. Un reto que o equipo afrontou con enteireza, poñendo en problemas especialmente Nico Galvano a Carlos Machado forzando a quinta manga do seu partido, aínda que o resultado final terminou sendo un claro 0-3.