O traballo defensivo gaña protagonismo na pretempada granate

Pontevedra
01 de agosto 2018

Luismi empeza a incidir nos conceptos defensivos que quere transmitir ao equipo tras unhas primeiras semanas de traballo no que a actividade estaba encamiñada sobre todo á fase ofensiva. Álex González, á marxe por molestias musculares

Nacho López adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Nacho López adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Quenda para a defensa. Despois de varias semanas de traballo centrados en transmitir os conceptos creativos e ofensivos que quere plasmar Luismi sobre o terreo de xogo, o Pontevedra púxose o mono de traballo na retagarda.

O técnico granate virou a súa atención cara á liña defensiva, coa que se mostra "satisfecho" co visto ata o de agora nos primeiros amigables e os poucos goles recibidos a pesar de telo visto "por encima".

"Hemos empezado a incididir más en la fase defensiva, hasta ahora estábamos trabajando más el concepto ofensivo porque consideraba que era más complicado", explicou Luismi tras o adestramento deste mércores.

Así pois as próximas sesións irán encamiñadas a buscar a solidez do equipo, que polo momento presentou principalmente dúas formacións en defensa nos diferentes encontros de preparación, por unha banda con Juan Barbeito, Campillo, Churre e David Castro e por outro con Nacho López, Pacheco, Adrián León e Nacho Lorenzo, acompañados por diferentes compañeiros no centro do campo.

En canto ao mostrado a nivel ofensivo, o preparador granate está "contento en la fase de inicio y elaboración", aínda que "quizás en la fase de finalización nos falta todavía un poco de profundidad, sobre todo a la hora de la finalización. Tenemos que ser un poco más agresivos, verticales", recoñeceu á espera da chegada dun dianteiro centro que complete o persoal.

ÁLEX GONZÁLEZ, Á MARXE

O Pontevedra continúa a súa preparación co partido do próximo sábado 4 de agosto ante o Compostela no horizonte. Para ese encontro é dúbida Álex González, á marxe do grupo por unhas "pequeñas molestias musculares", asegura o seu adestrador, e ao que non se forzará.

Ademais Rivera perdeu o adestramento deste mércores por un proceso febril e o canteirán Antón segue sen poder exercitarse por lesión á espera de ser sometido a probas médicas para valorar o mellor tratamento para a súa recuperación.