O Triatlón Cidade de Pontevedra estreará circuíto cunha espectacular transición na ponte dos Tirantes

Pontevedra
20 de xuño 2018

A competición será este sábado 23 de xuño cunha proba popular minisprint, o campionato galego paratriatlon, a proba feminina e as probas masculinas sen e con tempo de corte. 382 triatletas participarán nesta edición

Presentación do XVIII Triatlón Cidade de Pontevedra
Presentación do XVIII Triatlón Cidade de Pontevedra / PontevedraViva

A transición da natación ao ciclismo na ponte dos Tirantes será o momento estrela do  XVIII Tríatlon  Cidade de Pontevedra que se desenvolverá durante este sábado 23 de xuño na contorna do río Lérez.

Está previsto que 382 deportistas participen nesta competición que conta cunha proba popular minisprint, que se iniciará ás 15.00 horas. Tamén se desenvolverá, a partir das 16.00 horas, o campionato galego de  Paratriatlón con cinco participantes, ademais da proba non competitiva denominada 'Nada e corre' para  benjamines e alevíns, menores con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. A proba masculina sen tempo de corte iniciarase ás 17.30 horas, unha hora máis tarde comezará a proba con tempo de corte. A competición finalizará coa proba feminina, ás 19.00 horas.

Este mércores presentábase no Concello de Pontevedra esta edición dunha proba que cambia de circuíto debido ás obras que se desenvolven en Monte Porreiro. O novo trazado gustou tanto á organización que estudan a posibilidade de que se converta en definitivo en próximas probas. Comezará no embarcadoiro do Lérez, tras a transición na ponte dos Tirantes transcorrerá na parte de ciclismo por Alexandre Bóveda, campus universitario e avenida de Compostela para finalizar coa proba a pé pola Illa das Esculturas coa meta situada fronte aos antigos terreos de  Tafisa. Segundo explicaba Miguel Fernández, responsable da organización, esta proposta simplifica tamén os cortes de tráfico e as limitacións de aparcadoiro que se realizarán entre as 14.30 e as 20.00 horas.

A distancia sprint establece 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé. Para minisprint, o percorrido redúcese a 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 km de carreira.

O presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar  Surís; o delegado de Deportes, Daniel Benavides e unha representante de Coca-Cola, que xunto a Supermercados Froiz, patrocina o evento, presentaban coa concelleira de Deportes, Anxos  Riveiro esta proba que servirá como aperitivo do Campionato de España de longa distancia e do campionato de cros, que se celebrarán durante o mes de agosto.

Entre os favoritos para facerse coa proba feminina atópanse Inés Castaño, actual campioa júnior de España; a súa irmá Carla Castaño e Ana  Barbeito. En categoría masculina as principais opcións de vitoria céntranse no pontevedrés Pablo Dapena, en Andrés Cendá e Martín Carreira.