A aposta de Sanxenxo polo tríatlon de media distancia, coa proba 113 Swim Ride Run, terá continuidade en 2017 coa súa segunda edición.
Así o confirmou a organización da carreira, que fixou como data para a súa celebración o domingo 21 de maio.
Coa praia de Silgar como epicentro da proba, os participantes afrontarán un percorrido de 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé.
A competición, do mesmo xeito que na súa primeira edición na que triunfaron Pablo Dapena e Sonia Parente, terá consideración de Campionato Galego de Media Distancia.
Ademais por primeira vez organizarase de maneira paralela unha carreira popular de 5 quilómetros, con saída e chegada na Praza do Mar.
As inscricións para a 113 Swim Ride Run de Sanxenxo xa se habilitaron na web www.championchipnorte.com, cun límite de 500 prazas.