O trofeo Cidade de Pontevedra reúne no CGTD un centenar de xogadores de bádminton

Pontevedra
17 de outubro 2019

A terceira edición do campionato que organiza cada ano o Ravachol Pontevedra celébrase este sábado coas mellores raquetas do panorama nacional e autonómico

Presentación do III Trofeo Cidade de Pontevedra de bádminton Concello de Pontevedra

O Ravachol Pontevedra organiza este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a terceira edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de bádminton en categoría sub 11 e absoluta. O evento reunirá na cidade do Lérez a preto dun centenar de xogadores procedentes de oito clubs de toda Galicia.

"O torneo está catalogado con tres estrelas, a nivel autonómico é o máis relevante, só por baixo dos másteres nacionais", explicou o presidente do equipo pontevedrés, Jesús Pereiro.

A competición comezará ás 10 horas coa disputa das primeiras eliminatorias das dúas categorías. Entre os participantes, nesta ocasión só acoden xogadores galegos, están xogadores como Manuel Brea ou Ana Carbón, que ocupan os postos altos do ranking nacional. 

"O traballo que o club da cidade está a facer no ámbito do deporte de base é importantísimo", agradeceu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación do evento. O presidente do Ravachol engadiu que os obxectivos que levaron á fundación do club era a promoción do bádminton en categorías inferiores, ter un equipo de elite e a organización de eventos. "Estamos a conseguilo", afirmou Pereiro.

Na presentación da competición estiveron tamén presentes a deputada provincial Olga García, o director do CGTD, Jesús López e o xogador do equipo pontevedrés, Manuel Brea.